Arqueoloxía técnica e
xestión integral do patrimonio cultural

Feliz Aninovo

Neste ano tan atípico e hostil que por fin nos deixa, en EQUITE non deixamos de traballar, coas dificultades imposibles de evitar que todos coñecemos, pero sen baixar o espírito. Afortunadamente, mantívose o volume e o ritmo dos proxectos e incluso hai que dicir que aumentou, polo que polo menos cremos que podemos ser optimistas para o futuro.

Queremos aproveitar os últimos momentos deste 2020 para desexar unhas felices festas e esperamos que o ano que vén sexa mellor para todos que o que se vai. E para iso escollemos este ano unha imaxe invernal da praza de Amboage cuberta de neve que se remonta a principios do século pasado.

Esta praza está situada no cerne do barrio ferrolán da Madalena, declarado BIC como conxunto histórico-artístico en 1984.

Na parte dereita da imaxe destaca a agora ruinosa igrexa parroquial de Nosa Señora de Dolores. O proxecto deste edificio sería obra do enxeñeiro Julio Sánchez Bort, pero finalmente e debido aos compromisos do distinguido mestre, caeu en mans do seu menos cualificado axudante, o arquitecto Antonio de Bada e Navajas en 1771. Este feito fortuito foi decisivo para o destino do edificio, que nunca se rematou ben, o que, xunto coas desafortunadas restauracións levadas a cabo ao longo do século XX, provocaron o seu actual estado de conservación, tan pobre como preocupante pois nestes intres a estabilidade estrutural da propia construción está comprometida.

Co novo ano 2021 comezará un plan de recuperación e rehabilitación moi necesario e completo para este edificio, patrocinado pola Conselleríade Cultura da Xunta de Galicia e no que EQUITE colaborará na parte de arqueoloxía.